miércoles, 23 de septiembre de 2026

Juan Carlos Mestre Villafranca del Bierzo, España, 1957)

 

 

ELOXIO DE MARÍA

 





María Alonso, da Bañeza, vinte e oito anos. Viña polos vraos á vila. Non volveu desde o 36. Mal ano o do 36. Peor que malo. Era albardeira, cosía aparellos e monturas para as cabalarías. De­licadamente. Á mao. Non tiña noivo aínda que lle sobraban pre­tendentes. Ía á misa os domingos, non tanto porque crese como por discutir a razón para seguir crendo co cura. Os pobres deben resignarse coa súa pobreza. Así de claro. Así de escuro. Casuali­dades da vida, tocoulle un décimo da lotaría e mercou uns pen­dentes de ouro. No bico dos pés chegou a sombra. O 18 de xullo do 36. Peor que malo o ano do 36. Dixo: Non, isto non vai comi­go. E de noite viñeron por ela. Metérona no camión das gasosas e levárona ao cárcere de San Marcos, hoxe hotel para podentes, na veciña León. Pelárona. Non fai falta dicir o que os pistoleiros da falanxe facían coas mulleres. O que os pistoleiros da falanxe facían coas persoas. O seu pai pensou, supoño que pensou: non estaría de máis calar un pouco. E morreu, calado. A ela atopárona á beira dun trigal de Izagre setenta e cinco anos despois os rapa­ces que levan unha luciña aos formigueiros da memoria. Xunto á cabeciña de María apareceu un só pendente como unha pebida de ouro arrincada das minas do esquecemento. O outro, seica es­quecido sobre a mesa de noite, levouno a súa irmá engarzado nun anel o resto da súa vida. Xa está. Iso é todo. Encomiados sexan os insatisfeitos, os inofensivos e os desesperados. Dignos de eloxio os que dixeron non no canto de xa veremos. Paz aos que abriron o libro da terra para que continuase nas estrelas a vida dos mortos.

 

Juan Carlos Mestre. La desobediencia de las palabras. Bartleby Ed. 2024

 

(Fuente: Voces del extremo) 

No hay comentarios:

Publicar un comentario